Sen dúbida ti non es o responsable de que, cando caes enferma ou vas parir, os prazos procesuais sigan correndo; pero, cando ves que chegan os vencementos e ti ainda segues na cama do hospital, xa sabes que si, que ese é o teu problema.
Tampouco es responsable de que os gobernos miserables e as empresas sen escrúpulos paguen o traballo dos avogados a tres euros á hora, a consulta ou o escrito; pero, aínda que sabes que non é a túa responsabilidade, sabes que, se non o é xa, tamén será o teu problema.
Certamente non es responsable de que gobernos neglixentes ou maliciosos procuren privatizar a quenda de oficio en prexuízo da cidadanía; coma tampouco é culpa túa que as administracións degradaran os servizos xurídicos e o exercizo da avogacía a un mero negocio suxeito exclusivamente ás regras do libre mercado; nin, por suposto, é responsabilidade túa que as administracións preparen concursos e ofertas deseñadas a favor dunha persoa concreta e en prexuízo das demais; e non é preciso aclarar que, o feito de que estén a se apoderar do mercado abxectos intermediarios que degradan a calidade dos servizos xurídicos da cidadanía, tampouco cae baixo o ámbito da tua responsabilidade; non, tampouco es responsable, claro que non, da precarización dunha profesión na que xa se xeraron importantes bolsas de pobreza, nin de que os bancos e outros grupos de presión modifiquen a lei a vontade, de forma que se favoreza a súa posición procesual e a das persoas ás que ti defendes.
Non, ti non es o responsable de todo isto, coma non o es tampouco de que a quenda de oficio se pague tarde e miserablemente.
É certo, non es responsable de nada diso, pero enganácheste se pensas que todos eses non son os teus problemas.
E tamén te enganas se pensas que alguén os vai resolver por ti: se chegamos a isto é porque ninguén, durante moitos anos, quixo ou puido atallalos.
Por iso, chegados a este punto, só tes dúas opcións: ou levar o futuro nas tuas mans ou déixalo nas mans que estivo ata o de agora e que nos trouxeron a isto.
Por iso sabes que temos un traballo que facer xuntos.
Porque sabes que somos avogados e avogadas e que, uns poucos miles de avogados e avogadas traballando coordinados e cuns obxectivos claros, son unha forza imparable.
E é por iso polo que sabes que temos un traballo para facer xuntos. Todos e todas.
Faino por ti, non es unha peza intercambiable no taboleiro de xadrez da administración de xustiza, a túa relación co teu cliente é persoal e ese é o teu único capital: esa relación que fai que esa persoa te queira a ti como avogado ou avogada e non outro que ti é o que subxace ao dereito á libre elección de letrado, é pola que traballaches durante toda a túa carreira de gañar unha reputación e é a que te nutre. Que as leis protexan aos letrados e letradas cando enferman tamén é un xeito de defender o dereito dos cidadáns á libre elección de letrado.
Se non queres facelo por ti mesmo, faino polos teus fillos, porque teñen dereito a que o seu pai e nai poidan coidalos polo menos coas mesmas garantías que calquera outro cidadán.
E, se non queres facelo por ti ou polos teus fillos, faino pola sociedade, faino por todos,
faino en defensa do dereito e da xustiza dos menos favorecidos.
O 85% dos avogados deste país o forman avogados e avogadas que exercen sós ou en pequenos despachos; esa abrumadora maioría da avogacía española non ten vinculos con grandes empresas e non ten outro interese que a defensa dos dereitos do seu cliente. Esa avogacía libre, real, verdadeira e independente é garantía dos dereitos da poboación.
¿Alguén pensa que unha gran empresa tería loitado pola nulidade das cláusulas abusivas como a pelexou a avogacía independente? ¿Alguén pensa que un gran despacho de avogados con grandes corporacións coma clientes vai defender os intereses dun cidadán de a pe do mesmo xeito que un ou unha dese 85% da avogacía
independente?
Pois ben, tes que saber que esa avogacía independente está ameazada, que queren condenala a non ser máis que unha avogacía _low-cost_ que ofreza uns servizos de baixa calidade á cidadanía. Queren unha avogacía _low-cost_ para unha cidadanía _low-level_.
Por iso, se aínda non tes razóns para facelo, aquí tes unha máis: temos un traballo para facer xa non por defender a avogacía que amamos, senón porque é a única forma de defender á cidadanía dun futuro onde sexan cidadáns segunda clase, con dereitos de segunda clase e con avogados de segunda clase.
Si, xa sabes que temos un traballo para facer xuntos e por iso imos vernos en Córdoba os días 29 e 30 de novembro. Porque ti sabes que uns cantos miles de avogados e avogadas unidos son unha forza imparable, porque sabes que algúns cantos miles de avogados e avogdas cuns poucos obxectivos claros non poden ser detidos e, sobre todo, porque sabes que ninguén o fará por ti e ninguén o fará mellor ca ti.
¡Imos!